Saltar ao contido

Prensa

 

*Novembro de 2010

O ILUSTRADOR PABLO OTERO IMPARTE OS OBRADOIROS DE GRÁFICA CREATIVA AOS ESCOLARES DA CAMPAÑA ‘PALABRAS NO AR’

O ilustrador Pablo Otero (Ourense, 1970) imparte os obradoiro de gráfica creativa aos escolares que participan na campaña “Palabras no ar” de KALANDRAKA, no marco do programa de animación lingüística “Bocaberta”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A partir dunha reflexión inicial sobre a nosa lingua e a idea de colectividade, os alumnos e alumnas traballan arredor da identidade persoal empregando unha fotografía de si mesmos, sobre a que debuxan, colorean, recortan e aplican diversos elementos decorativos, para representar unha palabra galega escollida por eles.

Polos 17 talleres de gráfica creativa que Pablo Otero está a impartir nas tres primeiras etapas de “Palabras no ar”, está previsto que pasen máis de 350 escolares de As Pontes, Arzúa e Cerceda. A campaña estase a complementar con obradoiros de oralidade e de escrita e, co material sonoro, literario e artístico elaborado polos alumnos, elabóranse os contidos do blog http://www.palabrasnoar.org e os programas de radio que se emitirán na emisora local.

Pablo Otero, que estudou na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, expón a súa obra en salas e museos de toda Galicia. Ten ilustrado álbums infantís como “Mateo” (finalista do Premio Llibreter) e “O príncipe das sombras”, ademais do libro “ABCdiario”, do que tamén é autor; os tres editados por KALANDRAKA. Recibiu o Premio de Escultura Arte Xoven de Ourense, o Premio María Casares de Escenografía e un accésit do Premio Lazarillo.

A actividade que Pablo Otero lles propón aos participantes no obradoiro gráfico parte do libro “Imaxina animais”, de Xosé Ballesteros e Juan Vidaurre, e do concepto de “binomio fantástico” do pedagogo Gianni Rodari. Unindo palabras que nada teñen que ver entre si para crear termos imaxinarios, ou descontextualizando unha palabra do seu significado orixinal, os alumnos exercitan a súa creatividade, crean xogos lingüísticos e mesmo afondan na súa imaxe e na súa identidade individual.

O obradoiro comeza escollendo unha palabra distinta para cada un e analizando a súa definición. De seguido, os escolares son fotografados e, sobre o seu retrato impreso, aplican diversas técnicas gráficas, como a pintura con ceras ou o collage, para interpretala. Ademais de actuar como canle de expresión da mocidade, esta proposta dinámica permite reunir un amplo abano de iconografías e artellar un abecedario colectivo.

 

* Outubro de 2010

A CAMPAÑA “PALABRAS NO AR” DO PROGRAMA “BOCABERTA” ACHEGA OBRADOIROS DE ORALIDADE, ESCRITA E PLÁSTICA CREATIVA, IMPARTIDOS POR KALANDRAKA, A ESCOLARES DE OITO CONCELLOS

“Palabras no ar” é a campaña de animación lingüística coa que KALANDRAKA vai visitar oito concellos -As Pontes, Arzúa e Cerceda ata finais de decembro, e Palas de Rei, Quiroga, Caldas de Reis, Ponteareas e Arteixo a partir de 2011- impartindo obradoiros de oralidade, de escrita creativa e de plástica creativa. As actividades, que se enmarcan no programa “Bocaberta” da Secretaría Xeral de Política Lingüística, están dirixidas a escolares de 8 a 13 anos pertencentes ao 2º e 3º ciclo de Educación Primaria e 1º ciclo da ESO.

Nas súas tres primeiras etapas serán arredor de 1.050 estudantes os que participen nas sesións, que se desenvolven nas bibliotecas municipais. Uns 400 alumnos e alumnas de As Pontes, arredor de 250 de Arzúa e outros 400 en Cerceda, exercitan a práctica do galego a partir das estratexias que lles propoñen Alberto Barreiro nos obradoiros de escrita e de oralidade, e o ilustrador Pablo Otero nos de gráfica creativa.

“Palabras no ar” pretenden fomentar que a xente nova se exprese en galego, que aprecie a lectura na nosa lingua, que adquira sensibilidade estética e literaria, e manexe ferramentas de comunicación que -como a radio ou Internet- contribúen á normalización lingüística. Para iso, as actividades deseñadas -seguindo estratexias lúdicas- recorren a elementos da tradición oral e da memoria colectiva, como as coplas, o refraneiro ou a toponimia.

Tamén se apoian en libros como “Gramática da fantasía” do pedagogo Gianni Rodari ou “Imaxina animais”, de Xosé Ballesteros e Juan Vidaurre, para que os escolares exerciten a imaxinación e constrúan as súas propias historias. No caso dos obradoiros de gráfica creativa, os exercicios mesturan o significado das palabras coa identidade persoal, a modo de reflexión individual e colectiva.

Co material resultante das actividades en cada localidade confecciónanse cinco programas de dez minutos para seren emitidos na radio municipal. Os traballos do alumnado, tanto as gravacións radiofónicas, como as creacións literarias e artísticas, plásmanse neste blog, http://www.palabrasnoar.org, para que sexan compartidos no eido da comunidade escolar, no contexto social galego e para que chamen á participación dos usuarios.

Na anterior edición desta campaña, KALANDRAKA actuou noutras oito localidades realizando actividades para máis de 7.000 escolares, que se plasmaron en 40 emisións radiofónicas e nun blog que recibiu máis de 15.000 visitas.

Advertisements
No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: